jueves, 31 de enero de 2008

A FERNANDO MARTÍNEZ SARANDESES

HAI ANOS QUE O ATOPEI e falamos de cousas. Mentres falabamos plantaba -coas súas mans- unha ringleira de mirtos novos nos desolados xardíns da praza de Galicia en Pontevedra. A fonte dos penedos non tiña vivas as cores da burbulla dos cen millóns de pingas e arcos da vella. O cheiro e mailo fume viñan do sur e abafaban a arboreda.

Fernando tiña o ricto acre da tristeza gravado. posuía unha dignidade que me conmoveu entón, e cando me decatei da súa morte.

Tamén alorei o alongamento de aquel breve e fortuíto apertón de mans. Morreu co corazón tristeiro. Seica foi o seu xeito de expresa-la mala sorte que lle tocou vivir.

"Deixar fala-lo sufrimento é o principio de toda verdade".

Todo estaba premeditado, medido e programado para o gran erro industrial de Lourizán. "¡O tempo tornaría todo en polvoriña!"

Mais, nada borrará este bosque de sepulturas obstinado. Este espacio do silencio. Esta teimuda testemuña: derradeiro destino de tódalas árbores mortas; eido dos homes sen corazón, saqueadores da terra, do mar, do ar e da vida.

Pero, cando a vida se demora ao límite do cumprimenmto do seu derradeiro destino, a realidade non só é presente: tamén é o ausente, e os ausentes.

Por iso hoxe, non haberá espectador desinteresadao nin descompracido diante a barbarie industrial imposta dende o poder.

Porque a fonte dos penedos ten as cores da burbulla máis vivas ca nunca.

E porque un renacente arco da vella, é o abrigadoiro de milleiros de mans ávidas por sementar ringleiras de mirtos novos, nos desolados eidos -lodo de cinza e metais pesados- das marismas de Lourizán.

Deica logo, Fernando.

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz).
Publicado en La Voz de Galicia (Pontevedra) el 10 de diciembre de 2003.

No hay comentarios: