viernes, 1 de febrero de 2008

O PESADELO

Un mal presaxio
HOXE TEÑO UN MAL SOÑO: Música, luces, moito fume e un "certame artístico". ¿Arte, farsa, mofa? ¿Un esperpento para escarnio dos ciudadáns de Pontevedra e Marín? Un mal presaxio.

Unha gaivota negra sobrevoándome, arrepuinándome a ialma. ¿Seica hai que renderlle acatamento ao señor dos cartos e ficar atónitos e agradecidos ante tanta maravilla? ¡O complexo fabril de Lourizán pintado de lindas cores! Golfiños, barcos, paxariños e ceos sen fume orlan a complexa peza lumínica premiada: "¡An(h)ellus!", instalada sobre os paramentos da caldeira principal do complexo letal. Sí, ¡LETAL! Porque o mercurio vertido na ría é mortal. E porque a contaminación liberada na atmósfera está a rematar coas glándulas tiroideas de canto ser humano atopa ao seu paso, sen piedade. Sen ningunha consideración, non só con nós, senón coas xeracións futuras, cos nosos fillos, irremediablemente, inmunodeficientes, asmáticos ou condenados ao cancro.

Formamos parte da estatística
Deberíamos aprende-la lección da historia e non esperar a que xurda a catástrofe. Sen dúbida, inevitable. ¡Sabémolo! Formamos parte da estatística: un escape de cloro e a traxedia está servida. Pero, ¿cantos debemos morrer para que alguén lle quite a máscara de moniface inofensivo á besta asasina de Lourizán?:

Electroquímicas e celulosas son industrias molestas, insalubres, nocivas e perigosas. A Ley prohibe o seu asentamento no corazón dun pobo e a decencia política esixe o seu desmantelamento urxente. Mentres, procede a súa sinalización inequívoca:

¡PROHIBIDO O PASO! ¡PROHIBIDO O BAÑO. AUGAS CONTAMINADAS! ¡PROHIBIDO MARISCAR. AMEIXA E CARNEIROLO NON APTOS PARA O CONSUMO HUMANO!

Nada de paxariños e camuflaxes de colores perversos: sinais de perigo nidias. E un novo asentamento axeitado antes de que sexa demasiado tarde.

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz)
Publicado en La Voz de Galicia (Pontevedra) o 10 de setembro de 2003.

O PAXARO DO INFERNO (RELATO CURTO)

¿ERA O CERZO O CAUSANTE da pel de galiña, das cóxegas e estremecementos que facían tremelica-los corpos ruliños de Antón e Nicolás, fronte á derradeira árbore (unha vella palmeira esmorecente) sobrevivinte ao progreso?:

"Espazo Natural Protexido". Cartel e gaiola virtual de raios láser pechaban a reliquia ergueita no empedrado infinito, observada de lonxe.

-Queridos Nicolás e Antón, hai moito, moito tempo, había terra, campos e margaridas, grandes soutos e castiñeiros pechos, bucardos e linces vivos. Chovía, e cando non, o sol madurecía os froitos. O mar era azul como os vosos olliños. Ahí, fronte a nos erguíase un outeiro. Na súa cima agromaba un fiíño de auga tremelucente ao resoo que, mansiña íase convertendo en regato, para logo guindarse entolecido en fervenza e cachón de ondas preguizosas, até morreren lambendo as paredes do muíño de Nocelle.

-Eilí naceu o relanzo máis fermoso. Nembargantes, as súas augas ían do paraíso ao inferno: á cova negra e lóbrega do rodicio, da vara e do eixo que movía as moas de pedra que trituraban o grao do millo ao pé co tangañá, tangañá, tangañó do ádello.

-A fariña branca enchía un saco de liño ao ir e viren da muiñeira do tremiñado ao pousadoiro.
"Atento ás faragullas, o conciliábulo dos furelos rubios".

Un crepúsculo abafante invadía o solpor. Mais non os miolos do vello que ventaba o ferume do xabaril e mailo cheiro do raposo, visitantes nocturnos da poza: pía exuberante de mofos e fungos, couselos, uvas de can e bagas; trevos, fentos, silveiras, e fucsias que pobraban as ribeiras da charca, sombrizo e coioso lugar da raíña do río: a troita do arco da vella, lixoada con pintas vermellas...

Os xemelgos dos olliños garzos turrábanlle na ombreira ao avó para que seguise co conto. A os cativos todo se lles aparecía vedraño e máxico. ¡Non había tempo que perder!

-Reptiles como o sapoconcho de auga, a cobra de colar, tritóns; a saramanta colilarga (que ninguén vira en ningures). Insectos e larvas, cabaliños do demo compartindo pole coas bolboretas estrugueiras, coa nespra, co colibrí... ¡Tanta vida naquel eido!: lagartos verdinegros, lagartixas, londras, auténticas fervellasverzas do río. Morcegos, ratas de auga, furelos de campo...

-¡Fixádevos ben nesa cova, no inferno! -espetoulles o vello co seu índice pousado no infinito-, dentro cría o Merlo Acuático, un paxaro capaz de mergullarse e camiñar polo fondo do río, de fortes patas e dedos longos con garfos de aceiro. Asido as pedras avanza cos ollos abertos baixo a auga... ¡Seica é o derradeiro paxaro!

O esmorecente sol, enfermo do mal do burato negro, resulta velenoso e fatal incluso na tardiña. Daquela, compría remata-la conversa. ¡Ollarse e fuxir cara á cidade subterránea da civilización e do progreso, foi todo un!

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz)
Publicado en La Voz de Galicia (Relatos de Verán) o 26 de setembro de 2002.