viernes, 1 de febrero de 2008

O PAXARO DO INFERNO (RELATO CURTO)

¿ERA O CERZO O CAUSANTE da pel de galiña, das cóxegas e estremecementos que facían tremelica-los corpos ruliños de Antón e Nicolás, fronte á derradeira árbore (unha vella palmeira esmorecente) sobrevivinte ao progreso?:

"Espazo Natural Protexido". Cartel e gaiola virtual de raios láser pechaban a reliquia ergueita no empedrado infinito, observada de lonxe.

-Queridos Nicolás e Antón, hai moito, moito tempo, había terra, campos e margaridas, grandes soutos e castiñeiros pechos, bucardos e linces vivos. Chovía, e cando non, o sol madurecía os froitos. O mar era azul como os vosos olliños. Ahí, fronte a nos erguíase un outeiro. Na súa cima agromaba un fiíño de auga tremelucente ao resoo que, mansiña íase convertendo en regato, para logo guindarse entolecido en fervenza e cachón de ondas preguizosas, até morreren lambendo as paredes do muíño de Nocelle.

-Eilí naceu o relanzo máis fermoso. Nembargantes, as súas augas ían do paraíso ao inferno: á cova negra e lóbrega do rodicio, da vara e do eixo que movía as moas de pedra que trituraban o grao do millo ao pé co tangañá, tangañá, tangañó do ádello.

-A fariña branca enchía un saco de liño ao ir e viren da muiñeira do tremiñado ao pousadoiro.
"Atento ás faragullas, o conciliábulo dos furelos rubios".

Un crepúsculo abafante invadía o solpor. Mais non os miolos do vello que ventaba o ferume do xabaril e mailo cheiro do raposo, visitantes nocturnos da poza: pía exuberante de mofos e fungos, couselos, uvas de can e bagas; trevos, fentos, silveiras, e fucsias que pobraban as ribeiras da charca, sombrizo e coioso lugar da raíña do río: a troita do arco da vella, lixoada con pintas vermellas...

Os xemelgos dos olliños garzos turrábanlle na ombreira ao avó para que seguise co conto. A os cativos todo se lles aparecía vedraño e máxico. ¡Non había tempo que perder!

-Reptiles como o sapoconcho de auga, a cobra de colar, tritóns; a saramanta colilarga (que ninguén vira en ningures). Insectos e larvas, cabaliños do demo compartindo pole coas bolboretas estrugueiras, coa nespra, co colibrí... ¡Tanta vida naquel eido!: lagartos verdinegros, lagartixas, londras, auténticas fervellasverzas do río. Morcegos, ratas de auga, furelos de campo...

-¡Fixádevos ben nesa cova, no inferno! -espetoulles o vello co seu índice pousado no infinito-, dentro cría o Merlo Acuático, un paxaro capaz de mergullarse e camiñar polo fondo do río, de fortes patas e dedos longos con garfos de aceiro. Asido as pedras avanza cos ollos abertos baixo a auga... ¡Seica é o derradeiro paxaro!

O esmorecente sol, enfermo do mal do burato negro, resulta velenoso e fatal incluso na tardiña. Daquela, compría remata-la conversa. ¡Ollarse e fuxir cara á cidade subterránea da civilización e do progreso, foi todo un!

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz)
Publicado en La Voz de Galicia (Relatos de Verán) o 26 de setembro de 2002.






No hay comentarios: