martes, 8 de abril de 2008

A CERÁMICA POPULAR DE BONXE: FINAL DO NEOLÍTICO

A CERÁMICA POPULAR DE BONXE
LUGO



INTRODUCCIÓN

A oportunidade que me brinda o profesor Domingos Antón García e a Universidade de Vigo para desenvolver este traballo de investigación, aínda que sexa dentro da brevidade imposta polo medio, sérveme como acicate para un posterior traballo de máis amplitude e afondamento no eido antropolóxico dos oleiros na simbiose coa olería popular en Galicia e, de xeito especial en Bonxe (Lugo). É unha vella teima que levo agochada dende hai máis de vinte anos. Unha longa espera: A Cerámica Popular de Bonxe: o final dunha época, dunha tradición que data do neolítico.

Non podo desaproveitar esta oportunidade porque a inminente desaparición da cerámica de Bonxe –única que aínda latexa na provincia de Lugo- faría inútil calquera intento posterior por dinamiza-la ou recupera-la, e con ela perderíase para sempre a “linguaxe simbólica” que é a Cerámica Tradicional. Perderíase asemade o “don natural social destes obxectos, e polo tanto, a relación social que media entre os productores e o traballo colectivo da sociedade, coma se fose unha relación social establecida entre os mesmos obxectos, á marxe dos seus productores. Este quid pro quo é o que converte a os productos de traballo en mercadoría, en obxectos fisicamente metafísicos, en obxectos sociais.” (Marx, 1978: 37).

En Galicia o exercicio da olería involucrou sempre a tódolos membros da familia. No caso concreto de Bonxe, involucraba prácticamente a toda a xente da parroquia. A formación dos oleiros baseouse sempre na tradición. Os cacharreiros -como tamén se chamaban- iniciábanse cando aínda eran meniños e na súa propia casa, o que por outra banda aforráballes aos mestres os habituais problemas dos aprendices, pero con todo, o primeiro era a seguranza da continuidade do oficio ao xeito de cada casa ou de cada estirpe. A os dez ou doce anos, aproximadamente, os rapaces comezaban a traballar no torno. Tornear era cousa dos homes tamén por tradición; primeiro traballaban con recipientes sinxelos (cuncas ou pratos pequenos) que se ían complicando na elaboración, elevando as olas segundo melloraban a súa técnica.

O exercicio da actividade dos cacharreiros marcaba tamén as relacións sociais, non só polo feito de que existiran vencellos familiares entre eles, senón porque ademais mantiñan unha boa relación comercial, o que lles permitía asociarse e repartirse as feiras e marcados. Outra cousa era a relación coas persoas do contorno que non eran oleiros, xeralmente familias con recursos, propietarias de ganderías e predios que impoñían a condición caciquil das diferencias económicas e de caste. Os señores cedíanlles a leña dos bosques para as fornadas e facilitábanlles préstamos que logo lles cobraban obligándoos a realizar duros traballos no tempo das colleitas e con imposicións de xuros usureiros.

ESTUDO ANTROPOLÓXICO BÁSICO


Entendendo por antropoloxía, literalmente: “ciencia do home: disciplina o estudo que ten por obxecto o ser humano en toda a súa amplitude e baixo todos os seus aspectos”. Cómpre diferenciar tres enfoques moi xerais, aínda que en modo algún independentes: físico, sociocultural e filosófico.

A antropoloxía física estuda o home sobre todo como ente zoolóxico. É a ciencia que estuda a evolución do home no tempo e no espacio.

A antropoloxía sociocultural -cultural-, ocúpase do home como animal social, coas súas pautas y rituais de comportamento. A sociabilidade do ser humano multiplicou e intricou as relacións entre individuos e grupos, o desenrolo de xerarquías e tribalismos, a adquisición, diversificación e transmisión de cultura: linguaxe, tradición, arte, técnica, economía, etc.

A antropoloxía filosófica inclúe unha temática moi ampla, e os seus aspectos máis positivos baséanse na relación estreita coas especialidades anteriores. A especulación antropolóxica parte dun feito primario de observación: o home é capaz de dar resposta reflexiva. A antropoloxía filosófica interrógase sobre a condición humana, a do home, o seu destino individual e colectivo, e até o fai sobre a súa transcendencia ou metafísica.

Unha división clásica da antropoloxía física distingue antropoxéneses, etnoloxía e morfoloxía, e a través delas pódese estudar as orixes do home e os carácteres que o diferencian dos monos fósiles desde hai catro millóns de anos. Por orden cronolóxico: austrolopitecos e keniantgropos, parantropos e o Homo. Abarcan a descrición das razas humanas, as súas diferencias somáticas e a súa distribución e desenvolvemento. E por último, as formas exteriores do corpo humano e a súa tipoloxía, estudo dos órganos internos; e, en xeral, estudo do corpo humano por partes.

A humanidade condiciona medios e é condicionada por eles. Os máis destacados aspectos cuantitativos de este enfoque ecolóxico son os que interesan á demografía e á economía. A explosión demográfica á que asistimos obríganos a trata-lo problema ecolóxico a nivel planetario, na procura das leis de equilibrio entre o home e o resto da biosfera. O home e o desenvolvemento sostible. É aquí onde atopo a necesidade de afondar. E, é aquí, coincidindo coa perda dunha tradición secular, onde o equilibrio se creba de forma definitiva. Por iso téñome que deter na análise dun fenómeno, dunha sinal de identidade que, como tantas outras se perde, en concreto, no ámbito das actividades artesanais cotiás dos homes e mulleres galegos, e de xeito especial, na que atinxe a os útiles que fabrican coa propia terra, que deixan pouso e coñecemento das costumes e modos de vida dende o neolítico.

Bonxe foi o berce da olería da Terra Chá. “Hoxe fica técnicamente extinguida. O plástico terminou co barro e fixo que os oleiros retornasen pouco a pouco aos traballos do campo e, nos máis dos casos á emigración”.

OS CACHARREIROS DE BONXE

Pouca información existe ao respecto da cerámica popular de Galicia, e menos aínda da de Mondoñedo, ou da de A Terra Chá. Algunha información máis e máis recente atopámola no que atinxe á olería de Bonxe. Esto débese a que, na actualidade, alí fica o único cacharreiro vivo que existe na provincia de Lugo, aínda que xubilado e con oitenta e catro anos de idade, Indalecio Lombao Gómez, conta coa súa filla, Pepa para continua-la tradición secular da olería tradicional. Pepa Lombao é a primeira muller empresaria, ademáis da primeira muller torneira do lugar e dos arredores.

A principios do século XX, de sesenta familias cincuenta e sete eran oleiros. Durante a década dos noventa traballan en Bonxe dous alfaremes (cacharreiros). Trala morte de Manuel López Lombao no ano 2000 -o último cacharreiro, o que mantivo a olería de Bonxe viva e acreditada fóra das fronteiras de Galicia, e de España, o ceramista por excelencia-, continúa a súa andaina en solitario Indalecio Lombao Gómez que simultaneou sempre o traballou no barro, coa música e a súa condición de labrego galego.

BARRO, ELABORACIÓN, DECORACIÓN E COCCIÓN

O barro de Bonxe, curiosamente, non era da plasticidade axeitada para a olería. Por eso os cacharreiros de Bonxe, sempre dependeron do barro de San Lorenzo, e mailo de o curro do Picato, ámbolos dous pertencentes a parroquias limítrofes. Esta dependencia era un imposto engadido, e o máis curioso é que foi así sempre, xamais as leiras foron obxecto de enaxenación nin troco. Era a tradición e así se fixo sempre, ao pasa-la festa, aló polo vinte de agosto, íase arrinca-lo barro. Ían de cada casa tres persoas e cavaban unha barreira de tres metros de longo por dous de ancho e tres ou catro metros de fondo, ás veces haberían de andar agochados ou de pé con galerías a ámbolos lados. Dous homes traballaban na barreira e unha muller izaba as cesteiras cargadas de barro. Para face-las covas usaban o aiscato, o espeto e o raño, cavando no denominado zurudo, até atopar o barro natural, ou o barro Lar que eran as dúas vetas plásticas, propias para mesturar co barro de Bonxe. Traballaban arreo, arrincaban oito carros de barro en San Lorenzo, catro do Picato e catro de Bonxe. Esta cantidade de material bruto dáballes para as doce fornadas do ano –unha por mes-, e leváballes quince días de traballo, despois o material depositábase nos barreiros construídos a carón da casa, e unha vez peneirado augábase no mesmo barreiro. Despois de peneirado pisábase e, axudándose dos mazicos de madeira facíanse os bolos a man e coa garrocha de carballo até quedaren listo para o torno.

O cacharreiro traballa, é dicir, traballaba nun torno de madeira que estaba situado na cociña da vivenda, nun recanto. Tiña a súa estructura en forma de U, de xeito que o oleiro podíase sentar e coloca-las ferramentas, os recipientes con auga e o revoque para decora-las pezas torneadas ao alcance da man. O torno estaba composto de cadeira ou sentadoiro, que é un banco de madeira encaixado na parede; taboleiros, fondeira, eixe, roda ou volante, tranqueiro; vio e coio. Para tornear utilizábase o cacho, a canaveira un pano e un arame ou liña. A tarefa diaria dun oleiro constaba de tornear corenta pezas gordas, sesenta de medio e setenta e dúas de tres; trinta ducias de cuncas, vinte pratos e vinte barreños da zorza. Tradicionalmente, segundo Indalecio Lombao, os cacharros de Bonxe eran: cuncas de caldo e de viño, pratos altos e chans, chocolateiras, garrotes pequenos e grandes, pucheiros, almureiros asados, xerras de tres, de medio, de peza e da picheta, cacerolas do leite de tres tamaños, fontes altas e planas, potas de tres tamaños, cacerolas de pés, olas para a auga, nateiros para bater o leite, barreños da zorza, porróns de varios tamaños e circulares, quentadores e petos, cacolas de cu estreito e boca grande para o leite, sopeiras, maceiros e caretas.

Bonxe presenta como curiosidade que o oleiro non é sempre o encargado de elabora-las pezas. En moitas ocasións encargábase o labor a un xornaleiro. Estas persoas non tiñan taller de seu e necesitaban iren polas distintas olerías na procura de traballo a xornal.

A decoración da olería de Bonxe merece un estudo en profundidade que, na brevidade do presente traballo non é posible facer. Non obstante, a modo de resumo direi que: a decoración que se viña facendo nas últimas décadas, tanto no que atinxe ao revoque empregado, como aos motivos de decoración e o xeito de facelos: arcadas e grosor dos trazos, corresponde ao estilo imposto por Indalecio Lombao, derivado do seu parente Manuel López Lombao. A o noso xuízo, Indalecio amosa os trazos cunha carga excesiva de revoque, carente de entobe e descoñecida no pasado, acentuado na actualidade pola súa filla Pepa. Quizais provocado polo uso de material cerámico importado e pola ausencia das reduccións que se xeran no forno de leña. Tampouco se utiliza xa o barro branco de Bonxe, nin o vidrado se fai co chumbo tradicional, prohibido nos anos oitenta por ser nocivo para a saúde das persoas.

Lembremos que Manuel López Lombao engadiulle á cerámica popular de Bonxe o seu peculiar virtuosismo, froito dun oficio ininterrompido, que lle permitiu lograr a cerámica máis fermosa da olería popular galega. Nese senso evolutivo e froito de encargos especiais, aparecen xa no século XX pezas pouco correntes en Bonxe, habituais en Buño, pero aquí, o mesmo Manuel chamáballes volteadoras da tortilla, ou viradoiras, xogos de café, vaixelas, porróns de rosca, porróns planos, veleiros ou os maceteiros, etc., cos bordos petiscados cos dedos facendo o seu veireado ondulado peculiar.

A ola considérase a vasilla máis representativa da olería de Bonxe. Ten precedentes na época castrexa, continúa durante os períodos romano e medieval ata chegaren a os nosos días. Esta vasilla presenta un elemento que a diferencia do conxunto das pezas de Bonxe: un reforzo na base do bordo. Este elemento funcional aparece por primeira vez en recipientes de características similares dos séculos XII - XIV. A ola fabricábase en distintos tamaños. A súa primeira función era a de gardar viño e transportar auga, co paso do tempo tamén se usou para gardar o leite e mesmo para mazalo. Esa pode ser a xustificación do reforzo do bordo e da tapa furada polo centro.

AS TÉCNICAS CERAMÍSTICAS DESDE O NEOLÍTICO

As técnicas ceramísticas evolucionaron moito no continente, así despréndese dos vasos, vasillas ou pratos achados en Israel e Exipto, fabricados con verdadeira louza con reflexos metálicos e esmaltada en cores ou tonos vermellos. Nas escavacións efectuadas en Troia encontráronse tamén mostras moi interesantes da época neolítica (anterior á esplendorosa época clásica da Troia de Homero) achándose nelas mostras de cerámica pulimentada por frotación dunha pedra. Máis tarde invéntase o torno de alfareme e os fornos, sendo curiosas as vasillas antropomórficas desta primeira época, que deron paso máis tarde a adornos zoomorfos e fitomormos.

En Grecia as cerámicas Etrusca e de Corinto son sobradamente coñecidas. En Atenas chegou a adquirir un gran aprecio social, e tiñan tal difusión as artes cerámicas, que estaban agrupados os alfaremes nun barrio denominado “Kerameitos”. Temos de destacar os “VASOS GREGOS”, xa que son os que dan gloria a arte da cerámica.

Catro períodos aprécianse neste estudo: xeométrico, ático, época das pinturas en negro e época das pinturas en vermello.Os seus nomes son de acordo coas súas formas: pithos, cántaro sen pé; stannos, semellante á anterior; hidria, para auga; lecito, para aceites aromáticos, que se soterraban cos mortos; crátera e oínochoe, para o viño… etc, estas pezas decorábanas os pseudo escravos, denominados petecos, con temas suxeridos por Homero preferentemente.

En España a invasión árabe inflúe decisivamente no senso decorativo da cerámica. Influxo que incluso hoxe en día persiste a pesar dos cinco séculos transcorridos desde a conquista de Granada. A louza lográrona os árabes coa feliz adición do óxido de estaño, a esmaltada coloración branca de tan fermosos reflictes. Unha das características de esta cerámica é o vidrado polícromo; entre as primeiras vasillas descubertas está a de Medina Zahara.

Fillos da cerámica árabe son a maiólica (Mallorca), e a tan coñecida de Manises, en Valencia. E pouco máis atopamos en tratados antigos sobre a cerámica popular española. En Portugal, de entre a súa discreción, sobresae a de Vista Alegre (Aporto). Nada de Galicia en ningún tratado antigo. Só existe, que saibamos, o libro de J. Lloréns Artigas, Cerámica Popular Española publicado pola editorial Blume en 1970, 1974 e 1979, o de Luciano García Alén, La Cerámica de Galicia, editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza en 1983, e A Olería da Terra Chá editada por Ir Indo coa colaboración da Deputación de Lugo en 2005, ademais doutros traballos antropolóxicos máis xerais, e unha constatación: a mínima evolución experimentada nas técnicas ceramísticas desde o neolítico ata hoxendía en Bonxe.

É imposible a datación da orixe da cerámica. Cerámica (do grego Kéramos-arxila) podemos definila como a arte de fabricar obxectos de tódalas clases con barro ou terras aptas humedecidas, pezas que unha vez desecadas ao sol, conservaban a súa forma e resistían certo tempo sen esboroarse. Podemos así mesmo, supor que o feito de deixar estas vasillas sobre terreos ou pedras recalcadas e observar que despois dalgún tempo endurecían, movéralles a someter a unha certa cocción aquelas pezas embrionarias saídas das súas mans.

Calquera que sexa a época e a orixe da industria, podemos ter por certo que aínda cando fose abundante o número de vasillas construídas, a fraxilidade das mesmas e a súa cocción deficiente, fai que o número delas que chegan a o noso coñecemento sexa máis ben escaso, pois as achadas en xacementos da época prehistórica podemos consideralas producto de moitos séculos despois da aparición do home sobre a terra. O único certo, é que, a xulgar pola diversidade de lugares e países nos que foron aparecendo (en tódolos lugares da terra), pode considerarse que non foi obra primitiva de determinadas rexións ou etnias, nin revelación dun home primitivo excepcional, senón que xurdiu de xeito espontáneo entre tódolos homes: así mesmo testemúñase que a industria cerámica non rexistrou durante séculos outro melloramento que algún indicio decorativo formado por leves depresións e sucos, feitos ben mesmamente cos dedos ou con algún instrumento de madeira, ou cun óso afiado, elementos que constituíron, sen dúbida, unha verdadeira revolución artística no seu momento. No intre do achado.

O home do período neolítico decora as súas cerámicas con cordón, bandas e puntos, que así se denominan as ordes e clasificacións da cerámica da época, producindo vasillas a veces moi fermosas, como se comproba nas atopadas na cova de “Los Murciélagos” de Abuñol, na provincia de Granada (Museo Arqueolóxico de Madrid). E na actualidade mantense o mesmo criterio, e as mesmas técnicas ceramísticas. Incluso existen pobos como, Salvatierra de los Barros, en Extremadura, que as mulleres tornean os cacharros de xeonllos no chan, a man, e decoran as súas olas luíndoas cunha pedra roma do río Guadiana humedecida constantemente coa lingua.

CONCLUSIÓNS

Si analizamos detidamente a cerámica de Bonxe, e en xeral a de toda a Terra Chá, ou incluso a de Galicia, atopámonos cunha cerámica tradicional que pouco ou nada evolucionou dende o período neolítico até hoxe aínda que, a bo rigor, deberíamos dicir: até antonte, xa que, xubilado Indalecio Lombao o forno romano permanece esquecido, e frío. Pero aínda que, daquela maneira: as formas son semellantes; a decoración baséase tamén en cordón, bandas –a veces cun trazo ondulante esgrafiado dentro do cordón-, e puntos, como elementos básicos. A finais do século XX aparecen arcos e follas, que se corresponden cos das cerámicas negras de Llamas de Mouro en Asturias. En Pardalejos de Abajo, León, volvemos a atopar o trazo ondulante esgrafiado, e en Consuegra, Castilla la Mancha. (O vidrado con chumbo é igual co que se practicaba en Babilonia, 800 a. de J. C.). Nunca outra novidade amosou a cerámica de Bonxe, que as descritas. Nunca en Galicia se practicou a louza como técnica ceramística, quizais por ausencia de pegadas dos árabes, quizais, sinxelamente porque os nosos oleiros gardaron celosamente o segredo da tradición máis pura. A louza precisa da presencia dun terceiro elemento: a cal, que nunca se utilizou como baño, inda que sempre estivo presente no revoque tradicional de Bonxe na decoración.

Pero as fórmulas, en cerámica, son sempre elementos vivos, que hai que vixiar continuamente, atentos sempre as súas transformacións, adaptándoas ás necesidades do momento. Unha fórmula, de non saber usala debidamente é unha cousa morta. Nos bos tratados de cerámica, os artesáns e os artistas extravíanse; A Química, a Mecánica, a complexidade de problemas, a extensión cada día maior da actividade industrial na Cerámica, son outras tantas dificultades que os afastan dunhas realidades que están a o seu alcance. Os alfaremes –os nosos cacharreiros- lévana gravada nos miolos e a transmiten por tradición, de pai a fillo, ou filla. Son alquimistas de seu. Son unha estirpe que depende de que cada eslavón da cadea engarce co seguinte.

O cacharreiro de Bonxe sabe que a pasta común está composta por dúas arxilas, e aplica unha proporción froito da sabedoría adquirida polo oficio, sen dúbida é un 80 por cento de arxila roxa e un 20 por cento de area; pode ser arxila roxa e sílex, ou arxila roxa e outra amarela, ou, segundo a zona, arxila refractaria, arxila roxa e cuarzo en proporcións de 20, 70, e 10 por cento respectivamente. Dependendo da constitución do chan e das condicións de acceso ás vetas. As decoracións ou revoques, xeralmente están constituídos por unha pasta ou unha arxila, que teña o mesmo coeficiente de dilatación da pasta ou arxila sobre a cal se aplica. O seu obxecto é ocultar a terra ou ben permitir o emprego de vernices como medio de decoración. O revoque aplícase sobre a terra crúa suficientemente húmida para evitar o desconchamento. Os revoques, en principio brancos, poden ser tamén coloreados, e sempre contan con caolín na súa composición, ademais dunha arxila refractaria e pegmatita.

O artista ceramista pode, sen maquinaria nin laboratorios, competir en perfección e en calidade coas manufacturas máis famosas, pero eso non se fai só, nin tampouco formulario algún será suficiente se non vai acompañado do traballo diario, da alquimia transmitida e da xustificación para o traballo: “o quid pro quo que converte a os productos de traballo en mercadoría, en obxectos fisicamente metafísicos o en obxectos sociais.”


Francisco C. Díaz Sánchez (pacodíaz).
Pontevedra, a 23 de xaneiro de 2006.


  • BIBLIOGRAFÍA:

M. Serrano López (sen fecha): Cerámica, Valladolid, Miñón S.A.

J. Lloréns Artigas (1968): Formulario y Prácticas de cerámica, barcelona, Gustavo Gili, S.A.

J. Lloréns Artigas (1979): Cerámica popular española, Barcelona, Blume.

Luciano García Alén (1979): La Alfarería de Galicia, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Xunta de Galicia (1997): Centro oleiro de Bonxe, Norgráfica.

Nueva Enciclopedia Universal (2005). Durvan.

Luciano García Alén (2005): A olería da Terra Chá, Vigo, Ir Indo.

Elena Freire Paz: La memoria en las manos, Deputación de Lugo.

Ramón Otero Pedrayo (1979): Historia de Galicia, Ekal.