domingo, 10 de mayo de 2009

A CERDEIRA MALDITA (TRASPOSICIÓN)

-¡MALDITA CERDEIRA! -Berraba Rufino Raña mentres provocaba unha fonda ferida na cerna carnosa da árbore maldita-. ¡Tac! ¡Toc! A machada incidía rítmica de abaixo arriba, de arriba abaixo, con inclinación e saña simétricas. A fermosa cerdeira brava de catorce esplendorosos anos non daba creto ao que lle estaba a acontecer. "Prunus Avium", soportou insolacións, invernías, pragas, cancros, podreceres no corazón, virus e pulgóns que non lle impediron gozar dun porte excelente coa ramificación verticilada e a dominancia apical característica. Mais a mala poda natural propiciou que conservase as polas mortas, causantes da súa desgracia.

-"¡Ou, Deus! Constanza, cariño..."


-"É a natureza quen fixo que as cerdeiras teñámo-las pólas mortas. Necesitamos decotármonos cada ano para florecer en primavera e agasallarvos a todos co máis incitante e saboroso froito de cantos existen na terra. Mais se non nos podan, as pólas mortas invádennos e son un perigo para os meniños que agatuñan por nós para conseguir as meirandes cereixas, as máis vermellas. Trepan inconscientes e confiados, sen escoitarnos, como fixo Constanza, a filla de Rufino Raña. El tampouco me está a escoitar agora cando lle rogo que non me tronce de este xeito. ¡Pódame Rufino Raña!"

-¡Morre cerdeira maldita! Guindo do demo, ¡morre! ¡Tac! ¡Toc...! -Rufino Raña fica alleado-

Aquel día Constanza arremedando ao seu pai, colleu o varal de golpea-las pónlas da cerdeira para que caeran os froitos ao chan. Pero tiña sete anos e a vara corenta e pesaba dabondo para ela. Pousou o varal no valado e dubidou: ¿collerinas coa man? Presta, empoleirouse no muro e desde eilí alcanzou a póla máis grosa...

-"¡Non o fagas, cariño! ¡Non! Chama a teu pai. Pídelle que traia unha escada e que el te apañe cantas cereixas desexes. Non subas. ¡Non, por favor, Constanza!"

De nada serviron os afogados berros da cerdeira. A meniña balanzábase colgada da póla máis grosa e coa outra man tentaba alcanza-la seguinte rama... E ao fin conseguiuno. Só tiña que pousa-lo pé na gallada e facer forza coa man dereita.

-"¡Nesa póla non!" -desesperábase a cerdeira-. A penas fixo crac. A meniña caeu de costas coa póla morta nas manciñas. O varal ergueito perforoulle un pulmón. Nin berrou.

-"¡Constanza, cariño, meu amor!"

Constanza levaba un vestidiño branco co peto bordado, cintón con lazada, escarpíns de fío e botiñas azuis de charón. Tililaban os paxariños e o esquío, ollaba.

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz)
Fotografía: Zeairi

Publicado en La Voz de Galicia (Relatos de Verán) o 23 de agosto de 2003.