sábado, 2 de febrero de 2008

A MANUEL FRAGA IRIBARNE

Galicia ese adefesio
SR. FRAGA IRIBARNE certo día oínlle dicir que "morrería por Galicia". Non o faga. Pídollo hoxe que me sinto especialmente invadido pola tristura e a memancolía. Quizais influido por un sentimento de compaixón. Non o sei. Pero prégolle que non o faga. Non coa mala conciencia de deixar á Galicia que tanto di amar, inmersa no caos urbanístico e industrial. Viva moitos anos e, se lle parece oportuno, dedíquelle algún tempo a artellar un Plan de Rexeneración do Patrimonio Natural que sistemáticamente foi destruido ou degradado durante os seus consecutivos mandatos. A súa política de Ordenación do Territorio é merecedora do novo slogan turístico de Galicia: "Galicia ese adefesio".

Agora tócalle a quenda a Pontevedra.

A roza fíxoa o conselleiro de Ordenación do Territorio Cuíña Crespo. O escándalo é cousa súa: "Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 18 de xullo de 2003". A coincidencia na data mete medo. Arrepía a declaración de incidencia supramunicipal dun asentamento industrial en Lourizán, amagallando a soberanía municipal e dando sibilina cobertura á ampliación das actuais empresas ENCE y ELNOSA -condenadas ambas por delicto ecolóxico continuado- e á implantación dunha serie de novas industrias, todas elas, insalubres, nocivas e perigosas nun enclave prohibido. Nun recheo ilegal roubado ao mar, no que era a máis fermosa das rías da Fisterra galega.

catro pailarocos parágrafos
Descoñezo se o Consello da Xunta pode dictar un acto inxusto e contrario á Ley, redactalo en catro pailarocos parágrafos e ficar impune fronte á xustiza. A Ley de Costas do 88 determina o límite da actividade industrial en Lourizán no ano 2018. (Remate do título concesional otorgado ao antigo INI no ano 1958 e posterior transferencia a ENCE, S.A. o 28 de xuño de 1970). Espero e desexo que a suposta cordura do presidente Aznar poña o límite a súa tolemia e non permita a quebra da democracia en Galicia.

Inmolación dun pobo
Europa condenará ao déspota por este novo e demoledor "Prtestige". E, coma sempre, cando sexa demasiado tarde, a xustiza volverá a dictar sentencia por delicto ecológico irreparable e pola inmolación dun pobo.

Un novo PXOM froito do consenso e da honestidade política
Requiro da Administración o sentido común preciso para evitalo. Que se lle conceda ao Concello de Pontevedra tempo e medios para a elaboración dun novo PXOM que sexa froito do consenso, da honestidade política, da sensibilidade humana precisas para o deseño dunha cidade: espazo de convivencia en harmonía; co seu desenvolvemento planificado, a xestión do solo e vivenda, os sistemas xerais, a protección do medio ambiente, patrimonio cultural, infraestructuras, etc. Canto sexa necesario. E un solo industrial capaz de acolle-las industrias en litixio e de asumi-la demanda do crecemento económico futuro. Que non estrague nin un só posto de traballo. Que poida xerar milleiros de novos postos de traballo, dignos e amparados pola Lei.

Vostede foi poñente da Constitución española e sabe do que estou a falar. Deteña o grave desatino que está a cometer e deixe que o consenso político fructifique nunha pequena Carta Magna urbanística para Pontevedra.

Esqueceuse da solidariedade
A recuperación do medio ambiente, da paisaxe e dos ecosistemas en Galicia non depende dos estudios de impacto que poidan facilita-las empresas que contaminan e corrompen os gobernos. Depende da insubornable Función Pública. E neste tristeiro dezaoito de xullo, vostede situose derriba do ben e do mal. Esqueceuse da solidariedade. Non lle importou a desgracia ou a felicidade dos seus semellantes. Así don Manuel, non morrerá vostede por Galicia. Rematará co que dela queda. Pero non será impunemente.

Francisco Díaz Sánchez (Pacodíaz)
Publicado en La Voz de Galicia (Pontevedra) o 19 de outubro de 2003.