martes, 11 de marzo de 2008

ISAAC DÍAZ PARDO

Retrato de Isaac Díaz Pardo (acrílico sobre tabla 0,75x0,55) por Pacodíaz.




motÍNs nas “Reais fábricas de sargadelos”


Antonio Raymundo Ibáñez (1749-1809), asturiano de nacemento e galego de dedicación foi o fundador das célebres e acreditadas “Reais Fábricas de Sargadelos” erixíndose, sen dúbida, no máis destacado home de negocios da Galicia cantábrica do século XVIII, época álxida da ilustración. Ibáñez acariñaba esta empresa desde que coñeceu a terra branca de Burela e os pedruscos férreos de Reinante que haberían ser, anos máis tarde o fundamento da súa gloria e, a causa indirecta da súa morte.


Inicios difíciles

A posta en marcha da fábrica tivo serios inimigos e conxuras que concluiron nun costoso pleito contra o Comisario de marina da provincia de Viveiro, Cabildo de Mondoñedo, terratenentes e Diputación do Reino na Corte..., ademais dos clérigos e labregos.


Esta negativa das forzas sociais e políticas determinaría que a monarquía en outubro de 1788 denegara a rexia permisividad industrial. Pero o tesón do noso personaxe conseguíu que, tre anos despois, unha vez informado o Rei da trascendencia do proxecto, declarase, con data 5 de febreiro de 1791 a Real Cédula de permisión para erixir no término da provincia marítima de Viveiro unha ou máis ferrerías, cos seus martinetes, e unha fábrica de potes e olas de ferro, a imitación das que viñan de Burdeos.


A montaxe destas fábricas de ferro tivo lugar en terreos da parroquia de Santiago de Sargadelos, San Ciprián (hoxe Cervo), baixo o señorío do obispado mindoniense.


Envexas e piratas

Sargadelos medraba acrecentando a cobiza dos inimigos, incluso as ansias de invasión do Goberno inglés e dalgún que outro atrevido corsario desexoso de facerse coa munición da fábrica. A importancia adquirida pola industria de municións, determinaría, efectivamente, a aplicación de medidas para a defensa e custodia da fábrica e dos portos de Ribadeo e Viveiro desplazandose ao lugar o 3º batallón do Reximento de Infantería de Africa.


Cronolóxicamente, os primeiros afáns ibañistas en pro dunha fábrica de louza datan, a efectos oficiais, de 1801. Unha R.O. datada en San Lorenzo do Escorial, en 26 de novembro, dispuxo: outorgárase a Ibañez –coñecedor dos caolines de Burela como material refractario de primerísima calidade- exención de toda clase de dereitos na introdución, polos portos de Ribadeo e Viveiro, dos materiais propios para o fomento da súa industria.


Primeiro motín

As Reais Fábricas de Sargadelos en pleno apoxeo industrial pronto serían escenario dun motin. O tumulto –que costou varios mortos e feridos- foi o reflexo da animadversión aniñada durante anos por un amplo sector dos clérigos e terratenentes resentidos, manifiestamente hostiles ao industrialismo ibañista, do que xa fixemos mención anteriormente. Co asasinato de Antonio Raymundo Ibáñez en 1836, disipouse tamén a posibilidade de que, xunto coás fábricas de louza e metalurxia, en Sargadelos existise una fábrica de cristalería que xa contaba coa aquiescencia Real.


Novos donos

A partir de 1845, as fábricas de Sargadelos son arrendadas á sociedade Luis de la Riva y Cia. Polo que respecta á fábrica de louza, a figura clave do éxito da época de Riva foi Edwin Forester Heath, apelido vinculado a empresas ceramistas inglesas (1822), no condado de Staffordshide, de tradicional renome polas súas afamadas alfarerías. Máis tarde chegaría a ruina fabril. As testemuñas siguen eilí, as vedrañas pedras, as madreselvas e as pegadas doutrora pervien ao fondo de “El Camino de los Enamorados” que me nego a traducir, e que discurre a carón de presas e canales escalonados onde a auga cantarela transmuta o eido courelá: “Rubir e baixar do ruxir do río!/ Esquécioo ollando o camiño”. Ou cando di: “Xa non se oi o río”; “Bidueiros cimeiros¡/ Pena das augas¡/ Xardois teixos/ rebolos tocos faias derrubadas…”, entre a herba nova que agroma nos húmidos rueiros esquecidos.


O asasinato do pai de Díaz Pardo

En 1936, un século máis tarde do asasinato de Antonio Raymundo Ibáñez, foi asasinado Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo quen máis tarde levantaría o imperio industrial Grupo Sargadelos, como se dunha premonición se tratase. Todo xurdíu na Arxentina da man dun grupo de intelectuais exliliados ou residentes, como Dieste, Blanco Amor, Antonio Baltar, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Laxeiro e, Luis Seoane e o propio Isaac Díaz Pardo que foron os que levaron a cabo o proxecto en Galicia.


O apoio do galegismo

Isaac xa tiña en marcha a Cerámica do Castro desde 1948 nun predio familiar. En 1954 o intelectual galeguista creou a Cerámica Magdalena e o Laboratorio de Formas; en 1964 recuperou a Cerámica de Sargadelos, contando co apoio dos intelectuais que residían en Galicia, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Asorey, Bouza Brey, Fernández del Riego, entre outros, procedentes das Irmandades da Fala ou do Seminario de Estudos Galegos.


No acubillo desta semente intelectual galeguista foron nacendo a Editorial do Castro, o Museo de Arte Galego Carlos Masdide, o Laboratorio Geolóxico Parga Pondal e, en Santiago, O Instituto Galego da Información, que tiña intención de Xornal Diario pero foi esmorecendo segundo morrían os compañeiros de aventura do último galeguista.


A revolta actual

Na actualidade segundo Ramón Villares: “o Grupo Sargadelos e todo o Laboratorio de Formas son un referente ético e estético do noso país no mundo enteiro”. E claro está, no segundo esplendor de Sargadelos era o tempo chegado das envexas, e de se produciren o segundo motín. Neste caso o tumulto non está dirixido por clérigos, terratenentes ou labregos –que saivamos-, os amotinados son os Xudas Escariotes que compartiron a última –e a primeira- cea con Isaac Díaz Pardo na mesa redonda do Instituto Galego de Información, Xudas que medraron a o seu carón, que compartiron a súa andaina ao longo dos anos: testemuña da súa forma de vida monacal, sinxela, de honestidade descoñecida nos tempos que corren, do derradeiro galeguista: raigame, terra, tronco, ponla e froito de eiquí e dacolá, da diáspora.


Os amotinados de hoxe son mercantilistas indignos, conspiradores ruins dispostos a esgotaren un dos patrimonios culturais deste país, o único no seu xenero, tamén no eido da investigación e da Recuperación da Memoria Histórica. Pero como dí Novoneyra nos EIDOS: “Queda a brasa das regoadas/ amontoada no lar”. Agora todo depende do ar; do ventar ou ventada que avive os rescaldos, que esperte as ascuas.


Pontevedra, 4 xaneiro de 2008.

Francisco César Díaz Sánchez (Pacodíaz)

Publicado en ANOSATERRA.ORG el 24 de enero de 2008.

No hay comentarios: