LEMBRANZA DUNHA TRADICIÓN PERDIDA.
A CERÁMICA POPULAR EN PONTEVEDRA.
É IMPOSIBLE DATA-LA ORIXE DA CERÁMICA. Cerámica (do grego Kéramos-arxila) podemos definila como a arte de fabricar obxectos de tódalas clases con barro humedecido. Pezas que unha vez desecadas ao sol resisten certo tempo sen esboroarse. Podemos así mesmo supor que, o feito de deixaren estas vasillas sobre terreos ou pedras recalcadas polo sol e observar que co tempo endurecían, movese a os artistas a sometelas ao efecto do lume.
O home do período neolítico decoraba as súas cerámicas con: cordón, bandas e puntos. En Galicia, na actualidade, onde a tradición da olería sobrevive, mantense o mesmo criterio e as mesmas técnicas ceramísticas, con algunhas novidades decorativas. Existen pobos como, Salvaterra de los Barros, en Extremadura, nos que, aínda hoxe, as mulleres tornean os cacharros de xeonllos no chan, e decoran as olas luíndoas cunha pedra do río Guadiana humedecéndoa constantemente coa lingua, conseguindo efectos sorprendentes de decoración floral.
Rüdiger Vossen, Natacha Seseña e Wulf Köpke, na Guía de los alfares de España (1975) daban a coñecer os centros de producción ceramística de Pontevedra: Meder, Salvaterra do Miño e O Porriño, con vasillas vidradas; Tameiga-Mos, con vasillas sen vidrar pintadas en frío; e, Guillarei e Redondela, onde se fabricaban figuriñas semellantes ás de Barcelos (Portugal).
Agora contamos coa memoria histórica; coa paisaxe malferida; coas pegadas e chemineas das telleiras e, coas reliquias da cerámica popular propia e transplantada. Non é pouco. Tamén temos as coplas do Padre Martín Sarmiento que amosan a presencia da olería nos mercados pontevedreses dos sábados:
“Na vila é costume,
despois que a coñezo,
que os sábados todos
do ano é arreo...”
“Comprarán á volta
xa olas,
xa petos,
xa berberechiños
xa peixes,
xa espellos”.
Pero é a mediados do século XIX cando atópamos as primeiras referencias concretas da olería pontevedresa: da man do “louceiro” Manuel Rama Deus, que tiña o seu taller en A Santiña, parroquia de Lérez, do concello de Alba.
En 1882, con motivo do Certame de Artes e Oficios celebrado en Pontevedra, Manuel Rama presentou unha importante mostra de “floreiros, xardineiras, testos, pucheiros, pratos e fontes”. Máis tarde, a finais do século, o primeiro Marqués de Riestra fundaría na finca “A Caeira” unha fábrica destinada á producción industrial de tella e ladro. A dirección técnica de A Caeira estivo a cargo de tres xeracións de alfaremes segovianos que non tardaron en instalar tornos e fornos adaptados para a produción de cerámica tradicional.
O barro traíase a Pontevedra desde Dena, por mar en galeóns que atracaban no peirao da Barca, onde se almacenaba para a súa distribución.
En 1934 nacería a “Cerámica Artística Gallega” de Pontecesures, despois a “Cerámica Celta”.
Descoñecemos a orixe da olería de Bamio. Pero o seu estudo deixa unha fonda pegada no ánimo do investigador. Sorpréndenos, unha vez máis, atopa-la aldea dos oleiros nun ámbito natural sen barro. Os artistas de Bamio necesitan extraelo dos fondos mariños da enseada de A Toxa, en A Seca e Os Tubos da parroquia de Vilalonga (Sanxenxo) e, posteriormente, trasladalo por mar en galeóns máis de 25 kilómetros (se eu fose un home de mar falaría en millas mariñas). Este barro de cor vermella e gran plasticidade, era coñecido como “barro pinto” polas manchas amarelas ou brancas propias da arxila caolínica. A historia dos louceiros de Bamio remata mediado o século XX, e con eles desaparecen “as olas, os cántaros, os barreños e os barreñóns grandes e bicolores” característicos do lugar.
Atopamos en Dena barreiras en terra firme e olas de fachendosa cor aceirada, que merecerían un estudo máis amplo e preciso.
A producción dos louceiros de Pontevedra foi paulatinamente substituída pola que chegaba por mar desde Buño, en galeóns, até o peirao de A Moureira. A louza foránea foi abastecendo por completo o mercado da Praza de Méndez Núñez.
Por terra tamén chegaban oleiros ao mercado pontevedrés: os “xalleiros” desde a comarca coruñesa de Xallás, ou os da Raia, e de Portugal, tamén proviñan da Meseta Castelá con regularidade. Máis tarde foron os propios oleiros portugueses os que emigraron e se afincaron en A Guarda, onde instalaron talleres de olería de carácter familiar, onde cada louceiro utilizaría o seu propio forno. Eiquí, como en Dena, o barro era das barreiras da mesma localidade.
A decoración das vasillas era sinxela: círculos incisos e pouco máis, co interior e rebordo vidrados con galena. Nestes antigos talleres de A Guarda facíanse: “arxilares, fontes, besugueiras, pratos, olas, pucheiros, xerras, cuncas, e penicos”, que tiñan o seu principal mercado en Tui e Vigo. Os louceiros, “cazoleiros” máis coñecidos destes tempos (mediado o século XIX) eran “os Ganchelos”, “os Chocolateiros”, “os Cazoleiros” e, os da “Punta da Cruzada” do “tío Rouco”. Os talleres estaban nos barrios de A Cruzada e A Malata de A Guarda. Sábese da existencia de catro fornos propiedade dos mestres citados nestes eidos.
En 1940 os louceiros de A Guarda deciden emigrar cara a Niñodaguia (Ourense), Mondoñedo (Lugo), Buño (A Coruña)…, onde deixarían a súa pegada e bo oficio. En Mondoñedo, xa só queda unha fonda pegada.
Pero o tempo e a cerámica de mellor calidade, a louza branca de Manises ou de Talavera ocuparon o mercado pontevedrés. Na década dos 40 do século XX: Álvarez, Santa Clara e Pontesa, en pleno desenvolvemento industrial, cubriron o espazo baleiro deixado en Galicia pola Real Fábrica de Sargadelos desde finais do século XIX.
Pontevedra, 5 de maio de 2006.
Fdo.: Francisco Díaz Sánchez.
Publicado na Revista ALDABA en 2007 (Pontevedra).
No hay comentarios:
Publicar un comentario