miércoles, 8 de abril de 2009

CRIME. DELICTO ECOLÓXICO, FAUNA E FLORA NO TOXA E NO XALLAS

CRIME. DELICTO ECOLÓXICO, FLORA E FAUNA NAS FERVENZAS DO TOXA E DO XALLAS:

RÍO TOXA. No corazón da comarca do Deza, nun paraxe de grande interese ecolóxico e cultural premido nos cursos fluviais dos ríos Deza, Liñares, Ulla e Arnego, ademáis da espectacularidade do salto de auga de 50 metros de altura (FERVENZA DO TOXA), atopamos toda a beleza e misterio do bosque de ribeira, frondoso e variado gracias á levedade do clima (confluencia dos climas dominantes atlántico ou eurosiberiano e mediterráneo) e a elevada humidade ambiental, cuberto de multitude de fungos e liques e un ar fantasmagórico nas bretemosas mañanciñas da invernía cotía galega.

A Lagoa Sacra de Olives, preside o val do río Curantes, coa pequena fervenza do Bico de Curantes a carón da Pena do Foxo.

No curso baixo do Arnego, antes da desembocadura no Ulla, localízanse frondosas manchas de sobreiras. A fraga de ribeira goza eiquí de variedade forestal: carballo autóctono, castiro, abraira, abidueira, sobreira, aciñeira, salgueira, loureiro e, un que outro morogueiro. O sotobosque é xeneroso, exuberante, remata nas zonas máis húmidas con diversas clases de filgueira, edra...

A fauna está íntimamente ligada a os cursos fluviais, cunha grande poboación de londra, merlo acuático, martinete (picapeixes), porco teixo, rabisaco, donicela, lagarto verdinegro, garzas, paporoibos, carboneiros e mil paxaros máis. As elevadas cornixas graníticas están poboadas por especies de importancia ecolóxica coma o falcón peregrino o lagarteiro e o corvo. Tamén seica o cuco aínda cuca á primavera.

Entre os peixes, procede destacar a importancia troitera de ámbolos dous ríos (troita común), en seria regresión.

RÍO XALLAS. O río Xallas pertence á vertente atlántica galega. Nace no monte Castelo (Coristanco), discorre polos concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña e Zas, e forma límite entre Mazaricos, carnota e Dumbría. Finalmente, desemboca na ensenada do Ézaro, formando unha fervenza de máis de 100 metros de caida libre rodeada de espectaculares microformas graníticas no Monte Pindo. Actualmente, a fervenza está seca (pechada). As augas encoradas céibanse os domingos do verán ao medio día e, desde 2006 -pola xenerosidade dos donos do río-, os sábados á noite nun espectáculo de luminoso.

O caudal do Xallas, conta cos afluentes: O Bazar, Castiñeira, A Regueira, Mira, Esternande, Ancha, Donas, Guisande, Vilar García, entre outros, mantense constante por causa dos numerosos encoros que nel teñen construido Carburos Metálicos, hoxe FerroAtlántica. O encoro más importante (o meirande) é o de Fervenza, que data dos anos 60. En Ponte Oliveira existe outra central hidroeléctrica. Máis abaixo, atópase o encoro de Santa Uxía, construido nos anos 80. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo.

Toda a zona ten un enorme interese xeológico pola súa marcada erosión fluvial e eólica. No Monte Pindo aínda despois dos devastadores incendios que o asolaron, mantense firme o carballo negral con asociacións vexetais como a arandeira (herbas dos arandos), xilbarbeira, etc., como símbolo milenario da terra galega, ademáis do acivro, loureiro sanguiño, piñeiro de repoblación e, o ameneiro (árbore esencial no mantemento dos cauces fluviais de Galicia, que demanda protección urxente), xunto con toda a flora característica da ribeira fluvial e litoral.

No entorno do río Xallas abunda o parrulo (ánade) real, a galiñola negra, o mergullón, a garza cincenta e a londra. en menor medida o gabián, miñato, papoazul, esquío e vacaloura (ésta última, en inminente perigo de extinción, a pesar de ser unha especie protexida internacionalmente).

Eilí onde estea o bosque autóctono habita a xineta, sendo asemade tamén común o ourizo cacho, lagarto verdinegro, a cobra de auga e a víbora de Seoane. Outro tesoro endémico, máis abondoso no Tambre, é o sapo de esporóns (incluido no Decreto da CE como Especie Animal de Interese Comunitario que Require Protección Estricta). E a saramaganta, entre outros.

Pero a raiña do río é a troita común http://www.usc.es/banim/doc/Hidrobiol/docs/invest01d.htm, que a pesares de todo canto se leva feito para a súa extinción, neste río, aínda sobrevive. Seica por pouco tempo (andan a repoboar equivocada e inútilmente o río con troitas contaminadas), daquela culminarase o CRIME ECOLÓXICO DO XALLAS, xa que non se trata de rematar coas troitas dun río, que xa abondaría, senón que, neste caso, as troitas esnaquizadas constitúen unha especie única. Son peixes de río que non teñen a influencia do mar no seu ADN. O río Xallas é un río especial, "quizais único no mundo": desemboca no mar pero en fervenza de caída libre dende máis de 100 metros de altura; as mareiras non afectan ao seu curso e tampouco suben outros salmónidos (reo e salmón), nin outros elementos vivos contaminantes.

Galicia ten a costa máis quebrada, versátil e rica de Europa: 1.700 kms., de lonxitude, diversidade de Rías (que deberían estar xa declaradas Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade), de ecosistemas, de microclimas e de paisaxes, que supoñen un tesouro natural de valor incalculable e irrepetible. Pero os Gobernos de Franco e os sucesivos da "nosa democracia", só teñen unha teima: devasta-lo todo a calquera precio.

Bibliografía consultada:


Incluirei calquera aportación que se me achegue para ilustrar este breve traballo.
Continuará: